Asina a petición: Sr. Feixoo, exerza de presidente e fálelle á Galiza en galego!

Destacado

En momentos tan graves como o que estamos a vivir, para todas e todos nós é necesario recibirmos información clara e precisa. É un dereito e unha necesidade básica para o conxunto do pobo galego que debe ser correspondido polas autoridades públicas, cumprindo co seu deber e por tanto no idioma propio de Galiza, o que nos une a todas as galegas e galegos.

Porén, a lingua galega está a ser excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas, tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta que abandona o uso do noso idioma no exercicio das súas funcións, precisamente nos momentos de maior transcendencia. Sigue lendo

Máis que nunca queremos liberdade, igualdade e xustiza para o galego

Manifesto

IS QUE NUNCA QUEREMOS GALEGO
LIBERDADE, IGUALDADE E XUSTIZA PARA O GALEGO

Máis que nunca queremos galego porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comezar por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos.

Máis que nunca queremos galego porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego.

Máis que nunca queremos galego porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade.

Máis que nunca queremos galego porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación.

Máis que nunca queremos galego porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo.

is que nunca queremos galego para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza.

Máis que nunca queremos liberdade para que exista a posibilidade de vida normal en galego.

Máis que nunca queremos igualdade para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos.

Máis que nunca queremos xustiza para o galego, con xuízas, fiscais ou avogadas que entendan e empreguen o galego.

Máis que nunca queremos galego porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia.

is que nunca queremos galego porque a situación do galego non é irreversíbel, porque se pode modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza.

Máis que nunca queremos galego en todas as comarcas, en todos os concellos.

Máis que nunca queremos galego en todo e para todo.

Descarga (imaxe): Cartaz Queremos Galego 2019
Descarga (imaxe): Manifesto Máis que nunca queremos liberdade, igualdade e xustiza para o galego
Descarga (PDF): Manifesto Máis que nunca queremos liberdade, igualdade e xustiza para o galego

Concentracións 19 de decembro de 2019

 

As mobilizacións previstas para o 19 de decembro son as seguintes:

A Coruña
Obelisco ás 20h

Santiago de Compostela
Praza do Toural ás 20h

Ferrol
Praza Amada García ás 20h

Lugo
Praza Maior ás 20h

Ourense
Praza Maior ás 20h

Pontevedra
Praza da Peregrina ás 20h

Vigo
Praza da Princesa ás 20h