Axúdanos a difundir a manifestación deste 17 de maio que sairá ás 12:00h da Alameda de Santiago de Compostela. Nesta páxina poderás encontrar toda a información necesaria, dende o manifesto como diferentes imaxes para compartir a través das redes e aplicacións de mensaxería.

Saímos ás rúas un ano máis para reclamar vivirmos en galego.

Manifesto

En setembro de 2024 faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos. 

Para unha Galiza viva, activa e  consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo.

Vivo nun ensino en galego, que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador. 

Vivo nun audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos. 

Vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais. 

Vivo na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico.

É hora de os gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza  día a día para termos o galego vivo, Galiza viva.

A plataforma Queremos Galego pon a disposición da cidadanía autobuses para manifestarse pola lingua este 17 de maio en Santiago de Compostela. O custo da viaxe (ida e volta) ten un valor simbólico de 5 euros.

  • A CORUÑAChama ao 981 169 810
  • VIGOChama ao 986 827 900
  • LUGOChama ao 982 225 812 ou 982 280 410
  • FERROLChama ao 981 358 750
  • OURENSE: Chama ao 988 238 350
  • PONTEVEDRAChama ao 986 866 205 ou 986 852950
  • A MARIÑAChama ao 982 581 861 ou 982 140 654

Descarga o material gráfico para difundir por redes:

Cartaz de Queremos Galego:

Compartir en Instagram:

Compartir nas historias:

Compartir en Twitter: