No entanto, é evidente que estes acordos non se están a respectar, que as medidas que indicaban non se aplican e que neste tempo se chegou a lexislar en contra deles. O resultado deste desleixo é a aceleración da tendencia negativa no uso do galego e unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita na historia de Galiza.

O obxectivo deste proceso é avaliar o cumprimento dos acordos, identificar os obstáculos que impediron o seu cumprimento e, finalmente, propor accións concretas que comprometan a colectivos sociais e institucións na súa execución partindo dos acordos unánimes.

Comezaremos a través de grupos de traballo sectoriais, debatendo as propostas das diferentes entidades e colectivos participantes. Estes grupos definirán as propostas que se porán en común coa representación dos grupos e entidades sociais de ámbito nacional. Tamén convocaremos plenarios comarcais de Queremos Galego, para recoller achegas e trasladalas aos grupos de traballo.

Calquera colectivo poderá participar neles co único requisito de se inscribiren previamente nesta ligazón.

O resultado deste proceso será presentado publicamente e ás diferentes institucións implicadas.

Proceso social Lingua Vital