ASINA: En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua

A tendencia negativa da lingua galega non é irreversíbel. O compromiso e a acción da sociedade demostran diariamente que a situación pode mudar. No último ano a mobilización conseguiu que unha importante multinacional do audiovisual anunciase a incorporación de versións á nosa lingua no seu catálogo. E é a mesma implicación cidadá a que está na orixe da sentenza do TSXG que obriga á Axencia tributaria a respectar os nosos dereitos linguísticos.

Un futuro novo para o noso idioma é posíbel, como demostran os centos de colectivos que actúan día a día para garantir o futuro de Galiza e do seu idioma; as miles de persoas que reclaman atención en galego ou respecto pola legalidade na toponimia e que vencen as dificuldades e se propoñen falar galego sempre; as familias que se esforzan en transmitir a lingua malia non poderen contar con espazos fundamentais como o ensino, os xoguetes, deseños animados e toda a oferta imprescindíbel que lle é negada ao galego; ou como tamén demostran os concellos de todas as cores que se organizan para promoveren conxuntamente a normalización lingüística a nivel local.

Porén, toda esta mobilización colectiva precisa do acompañamento e do esforzo das institucións e poderes públicos, que ademais da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos teñen a obriga legal de promoveren e garantiren a posibilidade de uso do galego en todo e para todo: garantindo o galego como lingua vehicular no ensino en todas as materias e etapas e nas actividades extraescolares, o seu uso en toda a administración, na xustiza, nas empresas; a súa dispoñibilidade no audiovisual tanto con producións galegas como a través da dobraxe e lexendaxe. Precisamos xa un goberno que actúe en todos os ámbitos e contribúa xunto á sociedade a darlle un novo futuro á lingua, para podermos vivir en galego agora e sempre.

 
MANIFÉSTATE POLA LINGUA
17 DE MAIO DE 2022. 12h. Alameda de Santiago
Queremos Galego!
Nome e apelidosLocalidadeActividade
Manuel Mª Carnicero Méndez-Aguirre Ourense Avogado
Andres Porto Vilas Míguez Santiago de Compostela Educador Social
Celia Armas García Coruña, A Profesora
Sara Seco Rial Valga xestora de proxectos
Xosé María Cotelo Freire A Laracha
Sonia Díaz Pereiro Brión Xornalista
Gonzalo Prado Estévez A Coruña Estudante
Marcos Maceira Eiras Santiago de Compostela Profesor. Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

Queremos Galego convida a manifestarse o 17 de maio en Compostela “por un novo futuro para a lingua”

Destacado


A plataforma cidadá, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convoca a sociedade a manifestarse o 17 de maio ás 12h entre a Alameda e a Praza da Quitana baixo o lema “En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua”

Compostela, 28 de abril de 2022.- Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron esta mañá, acompañados por representantes do audiovisual galego, que o 17 de maio sairán ás rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego non é irreversível” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. Haberá transporte dende todas as comarcas galegas, para facilitar o desprazamento. A información dos puntos de saída estará dispoñíbel na web queremosgalego.gal.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, recordou na presentación que todos os avances para o galego se conseguiron “pola perseverancia e polo esforzo do pobo galego”, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego. Maceira advertiu que “a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua” e salientou que “é hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua”.

A plataforma reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, pero dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.

“Mesmo os pequenos pasos que como pobo conseguimos para o noso idioma están sometidos a revisións constantes”, advertiu Maceira. “Só hai que ver como despois da ampla campaña social e da unanimidade política acadada arredor da iniciativa Xabarín”, recordou, “o debate no Congreso pode acabar limitando os avances en horas e cotas de emisión a unha soa das linguas cooficiais”. “É unha vergoña que non imos permitir que o recoñecemento da pluralidade lingüística no audiovisual, onde Galiza foi quen levou o maior peso na iniciativa social, poida rematar por excluír precisamente o galego”, rematou.

Un novo futuro para o galego é posíbel, se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel. A lingua galega une é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. O 17 de maio manifestarémonos en Santiago para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia.

Na fotografía: Marcos Maceira (Queremos Galego), Fernando Lacaci (ANPAS Galegas), Suso Bermello(CIG), Lucía López (BNG), Xerardo Roca (AS-PG), Daniel Asorei (AELG), Andrés Bellas (APRADOGA), Iria Taibo (AGPTI), Uxía Caride e Xosé Lois Ledo (AGAPI), Xosé Barato e Toni Salgado (AAAG), Dores Vidal, Sara Seco e Leo Rei (MNL)