Queremos Galego chama a “desconfinar” a nosa lingua o 17 de maio, Día das Letras

A plataforma cidadá denuncia a inacción dos poderes públicos en relación ao galego e pide que reivindiquemos a nosa lingua en xanelas e varandas e nas redes sociais baixo o lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión

Compostela, 12 de maio de 2020.- Queremos Galego chama a sociedade a “desconfinar” a nosa lingua, o 17 de maio, pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión como os que a plataforma ofrece desde a súa web, listos para descargar e imprimir en difetentes formatos. A plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades, estende o convite a todas as persoas que queren a Galiza e que saben que a lingua nos fai ser e existir como pobo, advertindo que “a súa normalización é necesaria para os avances sociais e democráticos”. As persoas usuarias das redes sociais poden participar partillando mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #Eufalogalego.
“A lingua é cohesión social”, recordou esta mañá en rolda de prensa virtual Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, “unha lingua normal é falada por todas as persoas independentemente de calquera diferenza social, política ou de idade.” Maceira denuncia a “inacción dos poderes públicos, galegos e estatais en relación ao galego” e esixe que se garanta “a presenza e a dispoñibilidade total do galego en todos os espazos e circunstancias: xustiza, ensino, administración pública, ambito socioeconómico, canles de información ou saúde”.
“É incríbel”, lamenta o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización, “que despois de máis dunha década de mobilizacións e da alerta por parte da sociedade da emerxencia lingüística que vive a nosa lingua, a Xunta insista en desprezar o galego”. “O goberno galego deberíase avergoñar”, abunda Maceira, “despois de recibir os posicionamentos do Consello de Europa e da ONU”.
A plataforma cidadá reclama ao goberno da Xunta que actúe e que se poña á cabeza. “Ao actual e ao que viñer”, apunta Maceira. “É obriga legal da Xunta, mais por riba de todo é unha necesidade para avanzarmos colectivamente coa cohesión social tan necesaria sempre e máis en momentos como o actual”. “A sociedade non pode ficar soa na defensa da lingua”, remata.

Un pequeno grupo de persoas representantes das entidades que forman parte da xestora de Queremos Galego celebrará, o mesmo día 17 ás 11.30 da mañá, unha ofrenda floral no busto de Carvalho Calero de Santiago de Compostela, onde darán lectura ao manifesto, unha carta aberta a Carvalho da profesora Pilar García Negro. Levarán elementos de seguranza persoal e manterán o debido distanciamento.

Manifesto 17 de maio de 2020. Carta aberta a Ricardo Carvalho Calero

 CARTA ABERTA A RICARDO CARVALHO CALERO

Hai trinta anos que nos deixou fisicamente, mais as súas sabias palabras continúan a resoar en nós, como tesouro de afecto, de admiración, de intelixencia e de amor con obras ao povo galego. Vostede dixo e escrebeu que a lingua galega, para viver, debe sobreviver. Nesas estamos. Os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso. Aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos  –décadas– de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego. A última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego: non se trata xa de o contemplar como un mal menor, un ritual prescindíbel ou un símbolo vougo, senón que se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas… Non se trata só dun desprezo pasivo, senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado.

Sigue lendo