Asina a petición: Sr. Feixoo, exerza de presidente e fálelle á Galiza en galego!

Destacado

En momentos tan graves como o que estamos a vivir, para todas e todos nós é necesario recibirmos información clara e precisa. É un dereito e unha necesidade básica para o conxunto do pobo galego que debe ser correspondido polas autoridades públicas, cumprindo co seu deber e por tanto no idioma propio de Galiza, o que nos une a todas as galegas e galegos.

Porén, a lingua galega está a ser excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas, tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta que abandona o uso do noso idioma no exercicio das súas funcións, precisamente nos momentos de maior transcendencia.

A lingua galega é o principal elemento de cohesión social e de unidade do pobo galego. Respecto a ela os poderes públicos galegos teñen obrigas, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Galiza. Dirixirse a galegos e galegas na súa lingua é unha das súas obrigas e parte das responsabilidades dos seus representantes, en primeiro lugar do Presidente da Xunta, e nomeadamente cando se trata de informalo sobre cuestións que afectan de xeito fundamental á súa vida presente e futura como acontece na actualidade.

Probabelmente as comparecencias e mensaxes do Presidente da Xunta nestes días sexan as de maior importancia no exercicio da súa responsabilidade. Usando reiteradamente o castelán para se dirixir ao conxunto de galegas e galegos, redunda no xa coñecido e falso prexuízo que cosidera o galego unha lingua que só serve para funcións limitadas e inútil para o realmente importante. Desprezar o galego excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia non só non contribúe á loita contra a epidemia senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza.

O presidente da Xunta, até agora, sempre se dirixiu en galego ao conxunto da cidadanía e aos medios de comunicación galegos. Agora, nunha situación de crise sanitaria, a lingua galega non deixou de ser a lingua propia de Galiza e continúa a ser válida para a comunicación coa cidadanía.

Sr Feixoo: vostede é o presidente de Galiza e débese ás galegas e galegos antes que a ninguén. Negar a utilidade do galego, renunciando ao usalo como o seu máximo representante institucional é tamén negar a capacidade do pobo galego perante a crise.

Por iso, lembrámoslle que a súa obriga é defender todos os dereitos da cidadanía galega á que representa e iso é incompatíbel con converter a nosa lingua nunha outra vítima da COVID19. Exerza de Presidente, tome todas as medidas necesarias para preservar a nosa integridade e saúde e fágao en galego, a lingua do seu pobo.

Contra a epidemia precisamos unidade e esperanza no futuro. A unidade e o futuro precisan do galego. Para construírmolas conte connosco e con toda a nosa colaboración.

Nome e apelidosLocalidadeActividade
Ezequiel Portas Betanzos Vilagarcía de Arousa Estudante
César Cambeiro Quintela A Coruña
María Porto Carballo A Estrada Profesora
Amadeo Domínguez Estévez Lalín Xubilado
Rei Pousada Vigo Xubilada
Carlos Santiago López Ferrol Mestre
Xabier Losada Pérez A Coruña
Beatriz Fernández Barbosa Ourensd Professora
Jesus Mendez Fernández Pontevedra
Erea Estévez Campos A Coruña
Camilo Vázquez García Vigo Xubilado
M CARMEN BERMUDEZ LODEIRO LUGO GALICIA ADMINISTRATIVA
Ana Maria Martínez Compostela Docente
Helena Quintas Alborés Gondomar Dependienta
Fernando J. López Campo Sarria Telecomunicacións
Manuel Froufe Torres Tres Cantos - Madrid Profesor Universidad
Carlos Cayetano Vizcaíno Fernández Perillo-Oleiros Docente
Jose Candido Cabo Cascallar A Coruña Estudante
José Ríos Liñares Santiago de Compostela Enxeñaría e Construción
Neves Arza Arza Santiago Docente
Alba Ubeira Rodríguez Ponteareas Estudante
Branca Rodriguez Pazos Lugo Xubilada
Miguel Anxo Martinez Gonzalez Lugo PAS da USC no Campus de Lugo
Francisco Xabier Abalde Garcia Ponteareas Docencia
Anxo Regueiro Lopez Santiago de Compostela Admon.
Xurxo Feijoo García Compostela Profesor
Carmen Bohorquez xinzo de Limia 58
Adela Martínez Leirós Vigo Estudante de Medicina
Víctor Tilve Vigo
Xoán López Viñas A Coruña Docente

 

A sociedade galega esixe na rúa que a Xunta actúe perante a situación de “emerxencia lingüística” e cumpra coas demandas do Consello de Europa

A sociedade galega esixiu esta tarde de intensa choiva e vento, nas concentracións organizadas nas sete cidades galegas pola plataforma cidadá Queremos Galego, “que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa” e actúe perante a  situación “de emerxencia lingüística” que amosan datos como os recentemente publicados polo IGE.

“Este é o terceiro informe negativo do Consello de Europa”, recordaron os representantes de Queremos Galego nas súas intervencións nas distintas cidades, “mais é a primeira vez que o Comité de Ministros menciona claramente Galiza e insta á “eliminar todos os obstáculos para o ensino en galego en Galiza”, o que implica a derrogación “inmediata” do decreto de plurlingüísmo”. A Carta europea das linguas é un tratado internacional e “Feixó e o goberno español deben cumprir estas reclamacións e rectificar, xa que non facelo é situarse cos gobernos de extrema dereita en Europa como Polonia e Hungría”, salientaron simultaneamente Marcos Maceira en Compostela, Celia Armas na Coruña, Manuel Rei en Ferrol, Luís Neto en Lugo, Xosé Manuel Alonso Noceda en Ourense, Sabela Bará en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo.

Este pronunciamento do Comité de Ministros do Consello de Europa, como organismo que garante a democracia e os dereitos humanos en Europa (e , dentro deles, os lingüísticos) é “froito de 10 anos de mobilización social, da documentación de casos de discriminación lingüística e da acción internacional das entidades de defensa da lingua”, aseguraron os representantes de Queremos Galego, ao tempo que advertían que “a acción de denuncia internacional continuará ao longo dos próximos meses, con visitas previstas a Estrasburgo, Bruxelas e Xenebra”. Finalmente, a plataforma cidadá anunciou que solicitará entrevistas con altos responsábeis do Estado, “para fixar prazos de execución das recomendacións do Consello de Europa”. “Queremos que o BOE deixe de atacar o dereito a vivirmos en galego”, concluíron.

 

Os encargados de ler o manifesto, titulado Emerxencia lingüística. Precisamos do galego (dispoñíbel aquí), foron representantes do estudantado de Medicina, en Compostela; Manuel Rivas, na Coruña; Manuel Rei, en Ferrol; Marica Campo, en Lugo; Xosé Lois “O Carrabouxo”, en Ourense; Quico Dasilva, en Pontevedra; e Pepe Carreiro, en Vigo.

O manifesto afirma    que “a emerxencia lingüística en Galiza ten solución”, que “precisamos do galego para activar todas as nosas capacidades como pobo”, mais tamén “o compromiso real e efectivo dos governos, a comezar por quen está obrigado legal e moralmente, o noso: o da Xunta”. Queremos Galego fai súas as recomendacións para acción inmediata sinaladas polo Comité de expertos da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas e do Comité de ministros do Consello de Europa:
a. Eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación axeitados.
b. Modificar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais por petición dunha das partes.
c. Usar o galego na administración do Estado en Galiza.
E recorda que son recomendacións “de cumprimento obrigado” que se produciron “pola mobilización social en Galiza”. “Esta loita é longa máis temos que continuala”, asegura o manifesto. “O galego seguirá vivo mentres fagamos que exista! Queremos Galiza, Queremos galego!” remata.

Manifesto Concentracións 19 decembro. Perante a emerxencia lingüística Precisamos do galego!

Perante a emerxencia lingüística Precisamos do galego!

Hai dez anos mais de 600 entidades sociais de todo tipo xuntabámonos arredor da plataforma cidadá Queremos galego para denunciar a exclusión do galego da vida social, económica, cultural, mais tamén da educativa co decreto mal chamado de plurilingüismo, que extendía o veto sobre a nosa lingua a todas as etapas do ensino infantil e do obrigatorio, prohibíndoo por primeira vez na historia democrática para as materias da área científico técnica e impedindo calquera posibilidade de avance como lingua vehicular de todo o ensino.

A política contra o galego representada por este decreto xa está a dar resultado. Por primeira vez na historia da lingua galega un de cada catro menores de 15 anos xa son incapaces de falalo.

A exclusión do galego na administración, na xustiza, nas actividades socioeconómicas é  evidente. Non é un problema de demanda. É simplesmente, que nos negan toda oferta que permita o exercicio pleno dos dereitos lingüísticos que son os dereitos humanos que ampara a Carta europea das linguas rexionais ou minorizadas.

A mobilización da sociedade a través de Queremos Galego mantivo viva a reivindicación da lingua e a denuncia a nível nacional e internacional das agresións constantes ao noso idioma por quen ten a obriga legal e moral de defendelo.

Froito destas denuncias perfectamente documentadas nos informes elaborados pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Consello de Europa a través do Comité de ministros xa deu indicacións claras aos gobernos español e galego para que garantan o cumprimento da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas, tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001.

Galiza estáen emerxencia lingüística. A Xunta de Galiza e o goberno español teñen obrigas que cumprir. Non o dicimos só na plataforma cidadá Queremos Galego, dío tamén o Consello de Europa exercendo a súa función de protección da democracia e os dereitos humanos. O DOG debe promover e protexer o galego e o BOE debe deixar de atacar a a realidade plurilingüe e comezar a recoñecela sen restricións.

A emerxencia lingüística en Galiza ten solución. Precisamos do galego para activar todas as nosas capacidades como pobo mais tamén compromiso real e efectivo dos governos, a comezar por quen está obrigado legal e moralmente, o noso, o da Xunta.