Queremos galego convoca concentración na praza do Obradoiro para o 17 de maio

Destacado

Xesús Bermello (CIG), Lucía López (BNG), Patricia Varela (AS-PG), Camilo Nogueira (AELG() e Marcos Maceira na rolda de imprensa

A plataforma cidadá, composta por máis de 500 entidades, recorda que “para reverter a situación da lingua galega os éxitos na denuncia internacional teñen que se seguir acompañando da mobilización social para mudar a política lingüística” e anuncia unha concentración en Compostela o Día das Letras para a que haberá que se inscribir previamente, co obxectivo distribuír a praza mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as normas sanitarias 
Compostela, 21 de abril de 2021.- Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron esta mañá unha concentración na praza do Obradoiro o vindeiro 17 de maio ao mediodía. “Os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado”, recordou o voceiro da plataforma, Macos Maceira. Por iso, animan as persoas interesadas na defensa da lingua a reservar a súa praza na concentración, que levará por lema Queremos vivir en galego, inscribíndose nesta ligazón A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

 
“Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificuldades para a atención na administración pública” salientou Maceira na presentación pública da actividade.
 
Dende a plataforma salientaron que a sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Destacaron a Inicitiva Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade. “Temos, por tanto, un 17 de maio para celebrar os pequenos pasos e para reclamar avances nos que a administración da Xunta e do Estado teñen xa que atender as demandas da sociedade galega e das institucións internacionais” asegurou o voceiro de Queremos Galego.
 
A reinvidicación é “queremos vivir en galego“. “Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións”, explicaron. “Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar día a día”, concluíron.

Queremos Galego pídelle ao PP que retire a PNL contra o recoñecemento da pluralidade lingüística na LOMLOE

Destacado

Queremos Galego concentrouse esta mañá fronte á Sede autonómica do PP, en Santiago de Compostela, para pedirlle ao Partido Popular que retire a Proposición Non de Lei contra o recoñecemento da pluralidade lingüística do Estado que recolle a LOMLOE, coñecida como Lei Celaá.
 
“Trátase dunha iniciativa contra o galego”, afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que ademais “obvia o feito de que a situación da lingua galega no ensino depende da xestión do Goberno de Feixoó”. Feixoo sabe que diga o que dixer a lei estatal”, engade Maceira, “quen pode regular o uso do galego é a Xunta e el mesmo decidiu unilateralmente impor por decreto graves restricións ao seu uso, contra todas as entidades do ensino, a sociedade e múltiples e masivas manifestacións e mesmo o Consello de Europa, a última vez en decembro do ano pasado”.

 

A este respecto, Maceira insta ao Conselleiro de Educación a aceptar a proposta de bases para a normalización do ensino feita en xuño pola representación maioritaria do profesorado (CIG Ensino, STEG, CISF), as ANPAS Galegas, os movementos de renovación pedagóxica e a propia Mesa.

 
Queremos Galego anuncia mobilizacións se a PNL do PP prosegue coa súa tramitación parlamentaria.

Este 17 de maio defendemos o galego desde xanelas e varandas

Destacado

Este 17 de maio, malia todas as limitacións, voltamos a ter unha cita para que o galego non siga confinado.

Todo o día:

Pendura a bandeira galega da túa xanela ou varanda e os cartaces disponíbeis aquí (tamén para pintaren as nenas e nenos)

Ás 12h:

Maniféstate nas redes con mensaxes escritas, vídeos, fotografías, audios… utilizando as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #17demaio #Eufalogalego

Ás 13h: Sae á xanela a cantar: A fala (letra: Manuel María; música Uxía- Sérgio Tannus)

Nota de imprensa do vídeo

Sigue lendo

Manifesto 17 de maio de 2020. Carta aberta a Ricardo Carvalho Calero

Destacado

 CARTA ABERTA A RICARDO CARVALHO CALERO

Hai trinta anos que nos deixou fisicamente, mais as súas sabias palabras continúan a resoar en nós, como tesouro de afecto, de admiración, de intelixencia e de amor con obras ao povo galego. Vostede dixo e escrebeu que a lingua galega, para viver, debe sobreviver. Nesas estamos. Os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso. Aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos  –décadas– de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego. A última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego: non se trata xa de o contemplar como un mal menor, un ritual prescindíbel ou un símbolo vougo, senón que se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas… Non se trata só dun desprezo pasivo, senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado.

Sigue lendo

Asina a petición: Sr. Feixoo, exerza de presidente e fálelle á Galiza en galego!

Destacado

En momentos tan graves como o que estamos a vivir, para todas e todos nós é necesario recibirmos información clara e precisa. É un dereito e unha necesidade básica para o conxunto do pobo galego que debe ser correspondido polas autoridades públicas, cumprindo co seu deber e por tanto no idioma propio de Galiza, o que nos une a todas as galegas e galegos.

Porén, a lingua galega está a ser excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas, tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta que abandona o uso do noso idioma no exercicio das súas funcións, precisamente nos momentos de maior transcendencia. Sigue lendo

A praza do Obradoiro berra: “Queremos vivir en galego”

Unha multitude de persoas que reservaran o seu sitio con antelación e que se repartiron polo espazo observando todas as medidas de seguridade pediron este 17M a todos os poderes públicos “un compromiso real e efectivo coa normalización da lingua galega”, para “avanzarmos na xustiza e na igualdade”

Compostela, 17 de maio de 2021.– A praza do Obradoiro encheuse esta mañá de persoas chegadas de toda Galicia que, despois de reservar o seu sitio e de distribuírse observando todas as medidas de seguridade que marca a Covid19, berraron “Queremos vivir en galego” e pediron a todos os poderes públicos “un compromiso real e efectivo coa normalización da lingua galega”, para “avanzarmos na xustiza e na igualdade”.

As persoas que se manifestaron este Día das Letras en Compostela quefenderon “un futuro próximo onde a galega sexa a lingua empregada por meniños e meniñas, por vellos e vellas, por todas as persoas, sexa cal for a súa ideoloxía, condición social, económica ou calquera outra, sen ningún impedimento para o facer por ser a lingua naturalmente dispoñíbel en todo”.

“O dereito a vivir na lingua propia é un dereito humano”, recorda o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. “Niso coinciden a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional polos Dereitos Civís e Políticos, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas e niso insistiu a continua mobilización da sociedade galega apoiando as accións da Mesa e conseguindo que ONU e Consello de Europa lembrasen a obriga da Xunta e do Estado de cumpriren estes acordos internacionais”.

Porén, 40 anos de autonomía non garantiron a posibilidade de emprego da lingua propia con total liberdade, sen restricións, con presenza absoluta na administración pública, na empresa, na vida social ou cultural. Sen coaccións que obriguen a optar por outra lingua renunciando á propia en ámbitos tan trascendentais como as plataformas audiovisuais, o ensino, o servizo de saúde ou as interaccións coa administración.

“Somos a única nación do Estado na que a lingua está sostida exclusivamente na forza da sociedade, sen goberno e soporte institucional autonómico que acompañe”, denuncia Maceira, “é a sociedade quen está a atenuar, en solitario, os efectos da desigualdade e de falta de liberdade plena para vivir en galego”.

Co exemplo recente da aprobación unánime da Iniciativa Xabarín polo Parlamento galego, a praza do Obradoiro recorda hoxe, como cada 17 de maio, que a pesar de todas as limitacións a lingua galega sigue viva porque hai miles de persoas actuando para repola, reparala e retornala á normalidade. Mentres unha parte significativa da sociedade galega sexa consciente e traslade esa consciencia a unha práctica reparadora, seguirá existindo o galego e haberá posibilidade de reverter a súa situación e garantir o seu futuro.