
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2026.- A praza da Quintana de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a asamblea coa que Queremos Galego someteu á aprobación da sociedade galega o Protocolo Lingua Vital elaborado ao longo dos últimos meses por 57 entidades de todos os ámbitos, co apoio doutras 396, para reverter a emerxencia lingüística. A asamblea amosou o seu apoio unánime á proposta, que entra agora na fase de aplicación por parte das entidades sociais e institucións adheridas.
Celia Armas, Mónica Fernández Valencia e Xosé Henrique Costas defenderon o proceso, amplo, participativo e plural, en nome de todas as coordinadoras dos grupos de traballo que elaboraron o protocolo e David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarré per a las minorías étnicas i nacionals (CIEMEN), intereveu na asamblea como entidade promotora da Declaración universal dos dereitos lingüísticos, un dos documentos nos que está baseado o protocolo. A creadora de contido Sara Seco conduciu o acto, que contou coa participación de numerosas entidades sociais, organizacións sindicais, políticas, culturais, veciñais, de defensa das persoas consumidoras, agrarias, deportivas, de persoas migrantes, educativas, relixiosas ou empresarias. A nota musical púxérona Caamaño e Ameixeiras, un dos grupos máis destacados do relevante panorama musical galego actual.
O voceiro da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, recordou que os datos estatísticos poñen en evidencia o devalo da lingua galega, “como resultado da súa exclusión e da súa ausencia acelerada polo desprezo de quen ten o deber de a asegurar sempre” e denunciou que “o PP usa a lingua como refén co que chantaxear o movemento social pola normalización”.
Maceira foi moi crítico coa Xunta de Galicia, que “a mobilización do pobo galego obrigou a mudar de aparencia e tentar facernos crer que tiñan disposición a mudar a política contra o idioma”, chegando a anunciar un novo plan de normalización lingüística para antes de rematar 2025. “O plan anunciado por Rueda para reverter o estado da nosa lingua”, lamentou o voceiro de Queremos Galego, “foi o plan para reverter a oficialidade que tanto disgustaba a Feixoó”, con votacións no Parlamento contra o galego na xustiza, nas notarías ou nas xestorías. Contra o aumento de profesorado de portugués. Campañas en español nos centros de ensino. Orzamentos raquíticos que impiden executar calquera avance dos acordados hai 21 anos. Exclusión do galego da administración con leis como a da Intelixencia Artificial, permitindo a contratación pública sen coñecemento de galego ou priorizando o español nas páxinas web. Boicot directo á oficialidade do galego na UE e á presenza de Galiza con voz propia na Unesco. Vixencia do veto e prohibición ás aulas en galego no ensino. Impulso á desaparición nas relacións comerciais. Festivais con fondos públicos cunha cota testemuñal ou nula de música en galego. Aumento do control da TVG cunha lei que permite o abandono do galego e da súa función normalizadora nomeadamente para o público infantil e xuvenil.
“A sociedade galega asumiu a responsabilidade e construiu unha alternativa sólida, unitaria e eficaz á política lingüística de desleixo, miseria e apartheid xestionada por desertores e irresponsábeis”, afirmou Maceira. “Coa participación directa e co apoio de centos de entidades sociais”, asegurou, “o Protocolo Lingua Vital para reverter a emerxencia lingüística é o verdadeiro pacto pola lingua no que hai sitio para todas as persoas, colectivos e institucións que queiran garantir o futuro de Galiza e do seu idioma”. Maceira recordou a forza colectiva do pobo galego, con algúns exemplos recentes como a victoria contra Altri ou a recuperación do Pazo de Meirás e concluiu que “a lingua galega existe porque é a dun pobo que a defende, que a usa e a reivindica en todos os tempos e baixo todas as circunstancias”

