
Os grupos de traballo do proceso social Lingua Vital, no que participarn representantes de máis de 100 entidades de diversos sectores da sociedade galega, reuníronse hoxe en Compostela para debater as propostas realizadas por colectivos sociais e persoas a título individual nos encontros e plenarios de Queremos Galego celebrados xa en 15 comarcas galegas.
O obxectivo deste proceso é avaliar o cumprimento dos compromisos sobre a lingua, identificar os obstáculos que impediron o seu cumprimento e, finalmente, propor accións concretas que comprometan a colectivos sociais e institucións na súa execución, partindo dos acordos unánimes como o Plan de Normalización Lingüística de 2004, a Carta europea das linguas ou a lei Paz Andrade.
O proceso social continúa aberto á participación para a elaboración da alternativa desde a sociedade á emerxencia lingüística, coa celebración de máis plenarios comarcais.
