Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2025.- Esta mañá constituíronse en Compostela os grupos de traballo do proceso social Lingua vital, iniciado o pasado xuño pola plataforma cidadá Queremos Galego para “conseguir avances na normalización da lingua galega” e “garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos”. 

“Os grupos de traballo que se constituiron esta mañá”, afirma o voceiro de Queremos Galego, “elaborarán nas vindeiras semanas unha alternativa que permita a execución dos acordos unánimes sobre a lingua e reverter a situación de emerxencia lingüística na que está o noso idioma, o que nos identifica e nos fai ser galegos e galegas”.

O proceso social Lingua Vital recolle o malestar amosado pola sociedade galega nas multitudinarias mobilizacións de febreiro e maio de 2025 e de novembro de 2024, cando milleiros de persoas sairon á rúa para denunciar que non se están a respectar os acordos nacionais e internacionais que protexen a lingua galega, como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea das Lingua Rexionais e Minorizadas (2001), o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) ou a Lei Paz Andrade, xa que as medidas que indicaban non se aplican e que neste tempo se chegou a lexislar en contra deles, acelerando a tendencia negativa no uso do galego e acadando unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita na historia de Galiza.

“Fronte á irresponsabilidade da Xunta, o seu desprezo continuado ao idioma, que ten a mostra máis evidente na revisión opaca e restrinxida dos acordos”, denuncia Maceira, “hoxe mostramos de novo a unidade en torno á lingua de entidades diversas en todos os aspectos, nun proceso aberto, plural e participativo para frear a emerxencia lingüística entre todas e todos”. “A partir do coñecemento da situación en todos os ámbitos que todas as entidades participantes demostran no seu traballo cotiá”, asegura o voceiro de Queremos Galego, “traballaremos conxuntamente en construír unha alternativa á resignación ao esmorecemento do galego que propoñen a Xunta e o Partido Popular”.

Na primeira reunión dos grupos de traballo do Proceso Lingua Vital avaliouse de xeito sectorial o grao de cumprimento e efectividade das medidas contempladas no PXNLG e identificáronse os principais obstáculos para facer efectivas as medidas incumpridas, detallando que cómpre remover, modificar ou aplicar para a súa execución. Este proceso rematará coa proposta dun calendario de accións normativas e executivas concretas para o cumprimento das medidas do PXNLG, da CELRM, da DUDL e da Lei Paz Andrade, e dos mínimos que cada entidade social integrada no movento está en condicións de asumir na súa acción diaria na medida en que poden producir un efecto normalizador no seu ámbito; para, finalmente, a acadar un compromiso de aplicación polas institucións públicas.

O proceso social Lingua Vital continuará nas comarcas galegas recollendo propostas por parte tanto de colectivos e asociacións locais e comarcais como de persoas. “Este encontro de hoxe é o primeiro paso dun proceso que percorrerá Galiza enteira para facer á sociedade galega protagonista da recuperación da lingua en todos os ámbitos e para todos os usos”, remata Maceira.