Para conseguir avances na normalización da lingua galega e garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos acadáronse e ratificáronse acordos e nacionais e internacionais. Entre eles destacan pola súa unanimidade a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea das Lingua Rexionais e Minorizadas (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).

No entanto, é evidente que estes acordos non se están a respectar, que as medidas que indicaban non se aplican e que neste tempo se chegou a lexislar en contra deles. O resultado deste desleixo é a aceleración da tendencia negativa no uso do galego e unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita na historia de Galiza.

Na plataforma cidadá Queremos Galego coidamos que é hora de reaxir e de que, como sociedade, asumamos a responsabilidade da que desertaron as institucións. Farémolo a través do Proceso social Lingua Vital coa participación de todas as entidades, colectivos e organizacións de Galiza que queren mudar o rumbo do galego.

O obxectivo deste proceso é avaliar o cumprimento dos acordos, identificar os obstáculos que impediron o seu cumprimento e, finalmente, propor accións concretas que comprometan a colectivos sociais e institucións na súa execución partindo dos acordos unánimes.

Comezaremos recollendo as propostas dos plenarios comarcais de Queremos Galego, para debatelos nos diferentes grupos de traballo sectoriais. Inicialmente estruturaranse segundo os sectores que fixaba o Plan xeral de normalización da lingua galega: Dereitos lingüísticos, Novas tecnoloxías, Implementación do Corpus, Administración, Educación, familia e mocidade, Medios de comunicación e industrias culturais, Economía, Sanidade, Sociedade, Proxección exterior da lingua.

Calquera colectivo poderá participar neles co único requisito de se inscribiren previamente no formulario que se xunta. Estes grupos definirán as propostas que se porán en común na coordinadora do proceso, formada por unha representación dos grupos e as entidades sociais de ámbito nacional.

O resultado deste proceso será presentado publicamente e ás diferentes institucións implicadas.

CLICA AQUÍ PARA INSCRICIÓN DE COLECTIVOS E ENTIDADES