Convoca unha manifestación este 17 de maio polas rúas de Santiago de Compostela (ás 12h dende Alameda) baixo o lema ‘Galego vivo, Galiza viva’

Queremos Galego vén de reivindicar este mércores en Vigo unha lingua viva entre a mocidade. A plataforma cidadá, da que forman parte máis de 500 entidades, fai un chamamento a participar da manifestación convocada este vindeiro venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, polas rúas de Santiago de Compostela (ás 12h dende a Alameda) baixo o lema ‘Galego vivo, Galiza viva’.

“É hora de que o Goberno galego actúe con responsabilidade e cumpra as súas obrigas executando as máis de 400 medidas aprobadas no Plan Xeral de Normalización para facer do galego unha lingua útil e viva”, reivindicaron en rolda de prensa o voceiro da plataforma e autor dos Bolechas, Pepe Carreiro, e a coordenadora en Vigo, Elsa Quintas Alborés, lembrando que pasaron 20 anos da aprobación unánime deste Plan nos que se produciron “importantes retrocesos”.

Dende a plataforma trasladaron así a “preocupación social” polo datos que alertan de que o 24% das mozas e mozos de Galiza séntense incapaces de falar en galego. Para reverter esta situación, demandaron que “o galego estea vivo no ensino para garantir a competencia na nosa lingua e incorporar novos falantes”, para o que volveron esixir a derrogación do Decreto 79/2010 por impoñer un “modelo desgaleguizador”. Na mesma liña, reivindicaron un galego vivo no audiovisual asegurando acceso a debuxos animados en galego para as crianzas, tal como reclama a Iniciativa Xabarín.

Carreiro e Quintas lamentaron de igual xeito a dificultade de vivir hoxe plenamente en galego. Por este motivo, instaron a garantir que a nosa lingua sexa sempre unha alternativa na relación coas diferentes administracións, nos servizos públicos como a sanidade e a xustiza, e tamén nas relacións e na información comercial.  

Dende Queremos Galego defenderon tamén a necesidade de respectar a toponimia galega, a única legalmente válida. “É hora de os Gobernos galego e central asuman a súa responsabilidade legal e moral co idioma e acompañen á sociedade que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo”.