Queremos Galego concentrouse esta mañá fronte á Sede autonómica do PP, en Santiago de Compostela, para pedirlle ao Partido Popular que retire a Proposición Non de Lei contra o recoñecemento da pluralidade lingüística do Estado que recolle a LOMLOE, coñecida como Lei Celaá.
 
“Trátase dunha iniciativa contra o galego”, afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que ademais “obvia o feito de que a situación da lingua galega no ensino depende da xestión do Goberno de Feixoó”. Feixoo sabe que diga o que dixer a lei estatal”, engade Maceira, “quen pode regular o uso do galego é a Xunta e el mesmo decidiu unilateralmente impor por decreto graves restricións ao seu uso, contra todas as entidades do ensino, a sociedade e múltiples e masivas manifestacións e mesmo o Consello de Europa, a última vez en decembro do ano pasado”.

 

A este respecto, Maceira insta ao Conselleiro de Educación a aceptar a proposta de bases para a normalización do ensino feita en xuño pola representación maioritaria do profesorado (CIG Ensino, STEG, CISF), as ANPAS Galegas, os movementos de renovación pedagóxica e a propia Mesa.

 
Queremos Galego anuncia mobilizacións se a PNL do PP prosegue coa súa tramitación parlamentaria.