En momentos tan graves como o que estamos a vivir, para todas e todos nós é necesario recibirmos información clara e precisa. É un dereito e unha necesidade básica para o conxunto do pobo galego que debe ser correspondido polas autoridades públicas, cumprindo co seu deber e por tanto no idioma propio de Galiza, o que nos une a todas as galegas e galegos.

Porén, a lingua galega está a ser excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas, tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta que abandona o uso do noso idioma no exercicio das súas funcións, precisamente nos momentos de maior transcendencia.

A lingua galega é o principal elemento de cohesión social e de unidade do pobo galego. Respecto a ela os poderes públicos galegos teñen obrigas, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Galiza. Dirixirse a galegos e galegas na súa lingua é unha das súas obrigas e parte das responsabilidades dos seus representantes, en primeiro lugar do Presidente da Xunta, e nomeadamente cando se trata de informalo sobre cuestións que afectan de xeito fundamental á súa vida presente e futura como acontece na actualidade.

Probabelmente as comparecencias e mensaxes do Presidente da Xunta nestes días sexan as de maior importancia no exercicio da súa responsabilidade. Usando reiteradamente o castelán para se dirixir ao conxunto de galegas e galegos, redunda no xa coñecido e falso prexuízo que cosidera o galego unha lingua que só serve para funcións limitadas e inútil para o realmente importante. Desprezar o galego excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia non só non contribúe á loita contra a epidemia senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza.

O presidente da Xunta, até agora, sempre se dirixiu en galego ao conxunto da cidadanía e aos medios de comunicación galegos. Agora, nunha situación de crise sanitaria, a lingua galega non deixou de ser a lingua propia de Galiza e continúa a ser válida para a comunicación coa cidadanía.

Sr Feixoo: vostede é o presidente de Galiza e débese ás galegas e galegos antes que a ninguén. Negar a utilidade do galego, renunciando ao usalo como o seu máximo representante institucional é tamén negar a capacidade do pobo galego perante a crise.

Por iso, lembrámoslle que a súa obriga é defender todos os dereitos da cidadanía galega á que representa e iso é incompatíbel con converter a nosa lingua nunha outra vítima da COVID19. Exerza de Presidente, tome todas as medidas necesarias para preservar a nosa integridade e saúde e fágao en galego, a lingua do seu pobo.

Contra a epidemia precisamos unidade e esperanza no futuro. A unidade e o futuro precisan do galego. Para construírmolas conte connosco e con toda a nosa colaboración.

Nome e apelidosLocalidadeActividade