Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019.- Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, e membros da xestora da organización presentaron esta mañá en Compostela, acompañado por Bieito Lobeira, Xoán Costa, Suso Bermello, Mónica Pazos e Dores Vidal, o programa de actividades co que animan a sociedade a saír á rúa o vindeiro 17 de maio para esixir “liberdade, igualdade e xustiza” para o galego.

Presentaron o cartaz deseñado para a ocasión por Davila co lema “Máis que nunca, Queremos Galego” e explicaron que este ano se convocarán manifestacións simultáneas en vilas e cidades de toda Galiza, o 17 de maio ás 12h, para recordar a importancia que os servizos municiais de normalización lingüística, as empresas concesionaras ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos. A información concreta das localidades que se suman á iniciativa poderá consultarse na páxina web queremosgalego.gal.

“Máis que nunca”, reivindicou Marcos Maceira, “chamamos a mobilizarse ao conxunto da sociedade galega, que cre na liberdade mais ve como non hai posibilidade de vida normal en galego; que cre na democracia mais ve como en Galiza se vulneran dereitos lingüísticos que, como nos lembraba recentemente o relator da ONU para os dereitos das minorías, Fernand de Varennes, son dereitos humanos; que cre na xustiza, aínda que hoxe en día esta non exista para o galego, con xuíces, fiscalas ou avogadas que non entenden galego nin o teñen que entender, cun 95% das sentenzas redixidas en castelán e con sentenzas como a do Tribunal Supremo contra a ordenanza de Lugo”.”Máis que nunca”, afirmou, “é visíbel como os ataques ao galego proveñen de quen quere restrinxir dereitos de todo tipo na sociedade: os que queren prohibir o galego na administración son os mesmos que atacan as mulleres, a diversidade sexual ou a liberdade de expresión”. “Máis que nunca defendemos o galego para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza”, concluíu Maceira.

“A situación do galego é crítica”, recordou o voceiro de Queremos Galego, “pola falta de transmisión interxeracional; polas dificuldades para o coñecemento do galego, cun 22,7% dos menores de 15 que non saben falalo fronte ao 0% do español; polas dificuldades e límites de todo tipo, tamén legal, para empregalo con normalidade; pola inactividade dun goberno galego que non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; pola nova ofensiva xudicial e política, como a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre a ordenanza Lugo ou o rexurdir do discurso supremacista contra as linguas e contra a liberdade de uso”.

“Toda esta situación débenos levar a reaxir como sociedade”, reclamou, “porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia”. “Máis que nunca”, concluiu, “temos que dicir colectivamente que a situación do galego non é irreversíbel, que se pode modificar garantindo os 3 principios: liberdade, igualdade e xustiza. Actuando para que que o galego estea en todo e para todo”.