Reivindicarán o dereito a vivirmos en galego fronte aos ataques da Xunta

Marcos Maceira “O 17 de maio será unha manifestación festiva de orgullo de manter viva a lingua galega día a día

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2018-. A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, presentou hoxe o acto final da manifestación para o 17 de maio baixo o lema “En galego día a día”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda. 

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de Nieves Rodríguez e membros da xestora da plataforma cidadá, informou dos diversos actos  nas comarcas galegas  para informaren da manifestación. Na webwww.queremosgalego.gal aparece recollida toda a información dos buses a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela a impulsar a plena normalización da lingua galega desde máis de 20 localidades, desde Ribadeo á Guarda.

En galego día a día

Este día a día é o que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática tal como mostran decisións como a desaparición do Diario Cultural.

Co lema “En galego día a día” a plataforma cidadá pretende reivindicar o apoio social crecente á lingua galega que contrasta coa actitude da Xunta de Galiza que mantén un 155 lingüístico de facto. Segundo indicou o voceiro da Plataforma, Marcos Maceira, “en Galiza é o propio goberno galego, co presidente Feixó á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do goberno español, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galiza que debería exercer”. Como consecuencia, sinalou, “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno”.

Queremos Galego reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal.

Para Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, é necesario reivindicar a lingua porque as linguas non supoñen ningunha barreira e menos o galego en Galiza, porque como traballoras do audiovisual facemos contidos para galegas e galegos. “Como comunicadora que son non podo máis que defender a miña lingua”, concluiu.

Acto festivo e reivindicativo

O 17 de maio a manifestación de Queremos Galego será un acto festivo e reivindicativo a favor da lingua galega. Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos moi diversos que teñen en común a defensa da nosa lingua porque o galego é  o elemento que nos une. Marcos Maceira indicou tamén que “son miles as persoas que  demandan mudanzas que garantan a presenza da lingua propia de Galiza en todo e para todo”.

A manifestación rematará na praza da Quintana onde a comunicadora e actriz, Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza e galardoada co premio á mellor comunicadora  nos premios Mestre Mateo deste ano polo seu traballo no programa Vaia Troula!, conducirá o acto final.

Haberá a lectura do manifesto En galego día a día por persoas destacadas de diferentes ámbitos como a xustiza ou a administración onde existen moitas trabas á hora de usar o galego. Actuarán para as miles de persoas Franki e os labregos da linguaxe co rap “Rapea, que a lingua non para” que é o manifesto gañador do Correlingua 2018. Estes rapaces e rapazas estudan no IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela e son un exemplo de que o galego ten futuro.