A macromanifestación do 8 de febreiro foi unha mostra máis da unidade da sociedade galega en torno á súa lingua da que só se autoexcluiu unha parte do PP.
Marcos Maceira: “reclamamos que se apliquen xa os acordos e a derrogación do Decreto 79/2010 contra o galego no ensino”.
A Plataforma cidadá Queremos Galego compareceu esta mañá para avaliar a macromanifestación que encheu as rúas de Santiago o pasado 8 de febreiro baixo o lema “Polas fillas dos nosos fillos” e que segundo indicaron “foi unha mostra de unidade en torno á lingua como elemento común e de cohesión social fundamental para a nosa existencia como pobo”, da que “só se autoexcluiu unha parte do PP”.
“Malia as adversas condicións metereolóxicas dos días previos e o silenciamento respecto da convocatoria, foron multitude as persoas que se achegaron a Compostela para reclamar o lugar que lle corresponde á nosa lingua como a propia que é de Galiza, sen dúbida grazas aos esforzo de centos de voluntarias e voluntarios que difundiron, organizaron actos, coordinaron autobuses e fixeron un enorme esforzo que derivou no éxito da convocatoria”.
Queremos Galego animou a continuar a mobilización social “na rúa, visibilizando que somos multitude as persoas que queremos vivir en galego con absoluta normalidade no noso país, mais tamén na acción diaria, reclamando a presenza do galego en todos os ámbitos, apoiando iniciativas colectivas e individuais que actúan soas, por desgraza para Galiza, sen ningún tipo de apoio institucional, e a pesar da actitude do propio goberno galego”. Un goberno galego que calificaron de absentista respecto das súas obrigas en relación á lingua galega, polo que animaron “á que a sociedade actúe para facer por si mesma o que até agora a Xunta se negou a facer”.
Todos os datos e estudos indican que o nivel de utilización, coñecemento, e uso do galego nas aulas é o máis baixo da historia autonómica, o que para Queremos Galego é consecuencia da non aplicación de ningunha das medidas acordadas para devolver o galego a todos os espazos e da acción contraria á lingua que se vén desenvolvendo nos últimos 6 anos.
“Que fixo o goberno para garantir a presenza do galego en todos os aspectos da vida social tal e como se contemplaba o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega? Eliminar o galego de todo ensino que na etapa infantil está practicamente desaparecido”.
Segundo indicou o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, a perguntas das xornalistas “o éxito da presión social xa arrincou declaracións do presidente Feixó, mais Queremos Galego reclama feitos non só palabras e para iso cómpre aumentar máis a presión da sociedade. “Se realmente quer acordo, o Presidente debe comezar por cumprir os que xa hai, comezando polo PXNLG, aprobado por unanimidade, o que conleva a derrogación do Decreto 79/2010 contra o uso do galego no ensino e pór en marcha as medidas contempladas no PXNLG” e engadíu que “Non chega só con que Feixó recoñeza que rompeu eses acordos unilateralmente cando lle pede ao Conselleiro que recupere o consenso. A situación do galego precisa accións e non declaracións grandilocuentes” sinalou Maceira.