Polas fillas dos nosos fillos é o lema escollido entre os centos de propostas que lle chegaron á paltaforma cidadá

Marcos Maceira: “chamamos a todas as persoas que queren que existan condicións para falar con absoluta normalidade, sen restricións, de todas as ideoloxías, de todos os partidos, incluíndo as do PP, que non están de acordo coa desfeita promovida desde a Xunta a participaren na manifestación do 8 de febreiro

A plataforma cidadá QDSC07120ueremos Galego, formada por persoas a título individual e máis de 600 colectivos, compareceu hoxe en rolda de imprensa para informar de diferentes aspectos da manifestación que voltará a encher a rúas de Santiago o 8 de febreiro.

 Lema escollido: Polas fillas do nosos fillos

 O lema, escollido entre centos de propostas que chegaron á plataforma cidadá, é Polas fillas do nosos fillos, reflectindo o que desde a plataforma consideran a dúas cuestións centrais para a lingua galega: o futuro de Galiza e a transmisión xeracional do idioma. “O futuro, a existencia de Galiza, ten todo a ver coa pervivencia do idioma” xa que como indicaron os portavoces da plataforma, “se queremos unha Galiza que crea en si mesma para desenvolverse plenamente no plano económico, social, educativo, cultural, precisamos do noso principal elemento de identificación e cohesión social, o galego”.

Desde a plataforma cidadá indicaron que sobre a tansmisión xeracional, da que fala o lema, é onde está a actuar o Partido Popular “atacando a oficialidade conseguida hai máis de 30 anos coa mobilización social e excluíndoo o noso idioma de todas as etapas educativas através do decretazo contra o galego que por primeira vez prohibe o seu uso en determinadas materias”. Denunciaron tamén que “o público infantil non ten acceso a DVD dos seus filmes favoritos en galego, que non hai opción de xoguetes infantís en galego, que as editoriais e a produción musical e escénica está viva e activa só grazas ao público”.

A transmisión da lingua é a garantía de que o galego vai chegar vivo ao século XXII”. Xunto aos problemas das nenas e nenos galegos para accederen ao galego, tamén fixo referencia “aos e ás miles de pais e nais que fan esforzos enormes para poderen transmitir a nosa lingua, mesmo cun sobrecuste económico”.

 Feixó comete perxurio

“Hoxe en Galiza, onde se di que o galego é lingua oficial, atopámonos con notarías, servizos públicos, entidades bancarias que non dispoñen dun só papel en galego, ou portais web de atención ao público que se mostran en todas as linguas agás en galego, algo que se estende a todas e cada unha das áreas da vida cotiá onde non hai, sequera, unha mínima igualdade”, indicaron desde Queremos Galego.

Para Queremos Galego “esta situación é a que provoca que estudo tras estudo -o último o do IGE- o uso do galego vaia decaendo”, xa que “se até agora se aprobaban leis a favor do galego baixo a condición de non se aplicaren, agora o goberno da Xunta lexisla directamente en contra”, sinalou Marcos Maceira.

Neste sentido recalcou que o Consello da Xunta co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixó á cabeza, está á cometer perxurio. “Xuraron ou prometeron promover e defender a lingua galego cando accederon ao cargo” acrecentou.

O pobo galego é dinámico e activo na defensa da súa lingua

Porén, desde Queremos Galego mostráronse esperanzados porque malia as agresións que está a padecer, o idioma conta cun pobo dinámico e activo que aínda que sen ningún apoio institucional “mantén a súa lingua consciente de que é a súa mellor garantía de pervivencia no futuro” e “que rompeu os prognósticos de quen daban o galego por morto hai tempo é capaz de manter viva a lingua e se mobilizará o vindeiro 8 de febreiro”.

Queremos Galego chamou a todas as persoas que queren que existan condicións para falar galego con absoluta normalidade e sen restricións, de todas as ideoloxías, de todos os partidos, incluíndo as do PP, as moitas deste partido que non están de acordo co que Feixó a desfacer desde a Xunta, a que participen na multitudinaria manifestación que partirá da Alameda de Santiago o domingo 8 de febreiro ás 12h.  Chamou especialmente “ás nais e pais vilipendiadas por un Presidente que apedrea o idioma e logo agacha a man, ao profesorado que quere usar o galego nas aulas, e ao alumnado ao que desde a educación infantil até a primaria lle negan o dereito a formarse na súa lingua propia”.

“Se queremos futuro para o idioma, para Galiza, para as fillas dos nosos fillos, este é o momento de parar e darlle a volta a política de odio ao galego. Polas fillas dos nosos fillos queremos un goberno que queira ao galego, que queira ao seu pobo”, indicou.

Por último representantes de diferentes sectores deron lectura ao manifesto Polas fillas dos nosos fillos, dispoñíbel na web da plataforma para asinar. Ademais agradeceron a inmensa colaboración que están á recibir de tanto de artistas como de personaxes públicos de ámbitos diversos, entre os que destacaron as artes escénicas e musicais e o fotógrafo Xurxo Lobato autor da fotografía que ilustra o cartaz que está a percorrer todas as localidades e bisbarras galegas.