Queremos Galego denuncia que “Feixó actúa para que desapareza o galego, o principal elemento de unión, cando máis necesario é”
Para a Plataforma “É hora xa de rematar co quinquenio negro para a lingua galega impulsado por Núñez Feixó”
A plataforma cidadá Queremos Galego, formada por máis de 600 colectivos sociais de todo tipo, denunciou este mércores 17 de decembro, en rolda de prensa, que o nivel máis baixo de uso do galego, que indica a enquisa feita pública polo IGE, é a consecuencia lóxica de 33 anos de inacción da administración con respecto ao noso idioma que sobrevive nunha situación de liberdade vixiada e de oficialidade formal mais non real.
Para Queremos Galego, a política da actual Xunta de Galiza con respecto á lingua galega agravou máis esta situación ao incidir nos prexuízos que xa sofría o galego e ao iniciar uns retrocesos sen precedentes na etapa democrática que se concretaron, entre outras disposicións na modificación da Lei de Función Pública para eximir ás e aos opositores da proba en galego, ou no Decretazo contra o galego 2010, que prohibe a impartición en galego de determinadas materias e que provocou as maiores mobilizacións en Europa na defensa dunha lingua propia.
“Tras a política de exclusión, probición e eliminación da xa escasa presenza social do galego, a ninguén pode sorprender estes datos do IGE”, sinalou Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego que responsabilizou ao Presidente da Xunta de mentir e pretender humillar e botarlle a culpa ás familias cando sinala que “nunca se ensinou tanto galego” ou que a “responsabilidade é das familias”.
Para Queremos Galego o único certo é que Feixó é o “principal responsábel desta situación” e que “nunca houbo tanto desprezo ao idioma de Galiza por parte dun goberno na etapa democrática” e chamou á Xunta a “pór en práctica todos os acordos sobre lingua e deixar de facer publicidade enganosa e manipuladora, comezando por derrogar o Decretazo contra o galego e pór en marcha dunha vez o PXNLG que ven de facer 10 anos”. Un decretazo, lembra Queremos Galego, feito sen acordo, imposto, e declarado parcialmente ilegal polo TSXG. O mesmo tribunal declarara plenamente legal o decreto de 2007 que contará co apoio unánime de toda a comunidade educativa e que era resultado da aplicación do PXNLG aprobado por unanimidade parlamentar.
Para Queremos Galego, todos pequenos avances que puido haber con respecto ao idioma foron froito do impulso da sociedade, a quen chamaron a mobilizarse máis unha vez para pór fin á política lingüicida e do presidente da Xunta.
Segundo sinalaron os representantes da plataforma cidadá, “Galiza precisa da súa lingua para existir” e ademais “calquera avance social só é posíbel tendo a lingua como principal sinal de identidade e cohesión social”. Para Queremos Galego “a lingua galega une e Feixó rompe co principal elemento de unión cando máis necesario é”.
“Este é o momento de asegurarmos o noso futuro colectivo e de mobilizarnos para defender a nosa lingua, a nosa existencia”. Neste sentido Queremos Galego chama a participar o próximo 8 de febreiro ao mediodía, nunha manifestación que partirá da Alameda compostelá e que, segundo aseguraron voltará ser contar cunha participación masiva.
A plataforma chama a todo o pobo galego a participar, independentemente da súa opción política, e dar a máis ampla mostra de unidade en torno á lingua, mais cun chamado especial ás nais e pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e teñan competencias nel para poder utilizala, as nais e pais que lle transmiten a lingua as fillas e fillos mais observan con impotencia como a escola é un elemento de desgaleguización, aos máis de 4500 profesoras e profesores que manifestaron o seu compromiso de manter a lingua galega nas aulas malia os riscos da prohibición que impón o decretazo e mesmo a aquelas e aqueles que sen seren insubmisos queren que se derrogue o decretazo para que o galego volte a todas as aulas de Galiza.
A mobilización do día 8, contará cunha forte campaña previa por parte das máis de 600 entidades adheridas a Queremos Galego, que organizarán actos en todas as comarcas galegas. Ademais disponibilizarase un servizo de transporte para encher as rúas da capital de Galiza. A información ao respecto poderase seguir até o día 8 de febreiro no web www.queremosgalego.org.
Como novidade o lema da convocatoria seleccionarase entre as propostas que vaian chegando a Queremos Galego das miles de persoas que apoian a palataforma e das entidades adheridas.