Unha representación da Plataforma cidadá deu lectura pública a este manifesto nas portas da Cámara galega
Marcos Maceira: “ Montar esta farsa para celebrar os incumprimentos do Plan é unha burla, e escudarse tras o empresariado que si usa o galego malia as dificultades que impón a propia administración só demostra a covardía da SXPL”
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2014. Esta mañá unha representación da Plataforma cidadá Queremos Galego fixo unha lectura pública do “Manifesto por un compromiso real e efectivo co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega” ás portas do Parlamento de Galiza, denunciando o cinismo da Xunta que se evidencia no acto oficial montado para “celebrar” o décimo aniversario do PXNLG poucos días despois de renegar no propio Parlamento do Plan Xeral e rexeitar unha proposición non de lei que o instaba simplemente a aplicar o que fora aprobado por unanimidade dez anos atrás.
A poeta Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a técnica de normalización Queca Carballo, en representación da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, a actriz Isabel Risco, o músico Mini, integrante d’A Quenlla, Goretti Sanmartín do BNG, Anxo Louzao en representación da CIG-Ensino, Marián Muíño en representación de APRADOGA (Asociación de profesionais da rama artística da dobraxe de Galicia), Lucía Veciño en representación de Galiza Nova, e Marcos Maceira, presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, leron este manifesto antes de entregalo no Rexistro da Cámara galega dirixido a todos os grupos parlamentares.
Queremos Galego denunciou deste xeito o desmantelamento do Plan e a política antigalego que aplica este goberno. Neste sentido, Marcos Maceira declarou “Que un goberno como o actual monte esta farsa para “celebrar”, os incumprimentos e retrocesos do PXNLG é unha humillación e unha burla a todo o pobo galego, ás persoas que falan galego e a aquelas que sen o falaren queren que existan condicións para falalo e transmitilo.”
Queremos Galego acusou a Xunta de organizar un acto “para se riren do doente” cando vén de renegar no Parlamento do Plan Xeral e rexeitar unha proposición non de lei que o instaba simplemente a aplicar o que fora aprobado por unanimidade dez anos atrás, cando o número de falantes de galego se reduce ano a ano (os últimos datos oficiais amosan unha caída de 13 puntos no número de galegofalantes en só dez anos), cando na realidade cotiá o galego non é realmente lingua oficial no seu propio territorio.
Así, Maceira indicou que “escudándose no empresariado que si utiliza a lingua galega a Xunta e a SXPL demostran a súa cobardía”, e lembrou que a Xunta eliminou todas as axudas existentes á galeguización da empresa, como evidencia o propio fechamento do Servizo de Normalización Lingüística da Confederación de Empresarios de Galicia pola falta de colaboración da SXPL (como a propia CEG denuncia no seu web: http://www.normalizacion.ceg.es/).
Coa entrega deste manifesto, Queremos Galego exixiu aos grupos parlamentares e especialmente ao Goberno da Xunta:
– Que retorne ao consenso de 2004 e cumpra coa obriga de potenciar a lingua galega.
– Compromiso explícito e efectivo co PXNL e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas do PXNL.
– Posta en marcha inmediata das medidas contempladas no PXNL, coa aprobación dun calendario que comprometa fases, prazos de execución, etc.
– Derrogación de todas as disposicións legais contrarias ao PXNL nomeadamente do Decretazo 79/2010 contra o galego, e as relacionadas co ensino e coa administración.
Descarga aquí o MANIFESTO POR UN COMPROMISO REAL E EFECTIVO CO PXNLG