A Secretaría Xeral de Política Lingüísitica anunciou para a cuarta feira 22 de outubro ás 11h, un acto no Parlamento Galego para “conmemorar” os 10 anos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
10 anos despois da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando a Xunta se permite celebrar coa arrogancia que a caracteriza este aniversario, cando o número de falantes de galego se reduce ano a ano, cando na realidade cotiá o galego non é realmente lingua oficial no seu propio territorio, reclamamos do goberno galego:
– Que retorne ao consenso de 2004 e cumpra coa obriga de potenciar a lingua galega.
– Compromiso explícito e efectivo co PXNL e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas do PXNL.
– Posta en marcha inmediata das medidas contempladas no PXNL, coa aprobación dun calendario que comprometa fases, prazos de execución, etc.
– Derrogación de todas as disposicións legais contrarias ao PXNL nomeadamente do Decretazo 79/2010 contra o galego, e as relacionadas co ensino e coa administración.
