Para a plataforma cidadá a sanción pretende amedrentar os movementos sociais.

14-01-09 Entrega Alegacions

A Coruña 9 de xaneiro de 2014-. A plataforma cidadá Queremos Galego voltou hoxe a presentar alegacións á sanción imposta pola Delegación do Goberno español pola celebración da manifestación do Día das Letras Galegas o 17 de maio de 2013. A primeira proposta de sanción produciuse tres meses despois da tradicional manifestación en defensa da lingua galega por supostos desperfectos que ninguén, salvo a Delegación do Goberno puido observar. Queremos Galego lembra que a esta manifestación como as ducias de actos reivindicativos celebrados con anterioridade de deselvolveron de xeito absolutamente pacífico.

Tras a entrega das alegacións no rexistro da Subdelegación do goberno español na Coruña, o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón afirmou “descoñecer o motivo polo que se a policía observou incidentes e pintadas, tal como consta na denuncia, por que non procedeu a identificar os supostos autores?”. Callón sinalou tamén o feito de que “se os axentes policiais non teñen responsabilidade “omisiva” por non ter evitado os supostos feitos, menos a pode ter un servizo de orde “voluntario” dunha Plataforma cidadá”.

Ao ver da Plataforma cidadá Queremos Galego a multa imposta pola manifestación do 17 de maio forma parte dunha campaña orquestrada para criminalizar os movementos sociais, intentando así, pola vía da represión, que o pobo galego deixe de saír ás rúas para defender os seus dereitos.