Queremos Galego recorre a sanción imposta pola Subdelegación do Goberno pola celebración da manifestación do 17 de maio

A plataforma cidadá denuncia tamén a sospeitosa coincidencia nas argumentacións das multas impostas a outros colectivos.

A Coruña, 18 de setembro de 2013-. A plataforma cidadá Queremos Galego fixo entrega na subdelegación do goberno das alegacións á multa imposta a este colectivo pola celebración da manifestación do 17 de maio en Santiago de Compostela.

A Delegación do Goberno acusou Queremos Galego de “guindar globos e ovos recheos de pintura” ou “realizar diversas pintadas en entidades bancarias e locais comerciais” supostamente durante o percorrido da manifestación convocada pola Plataforma e celebrada o pasado 17 de maio.

Queremos Galego nega rotundamente os feitos denunciados. A propia denuncia só fala de pintadas que “estaban no percorrido da manifestación” sen sinalar que se fixesen no percorrido da mesma.

A este respecto Queremos Galego manifestou a súa sorpresa e indignación por estas acusacións, que se realizan máis de tres meses despois de celebrada a manifestación. Este feito, súmase a outras denuncias similares a outros colectivos por outras manifestacións o que indica claramente, ao ver da Plataforma, que se trata dunha campaña orquestrada para criminalizar os movementos sociais, intentando así, pola vía da represión, que o pobo galego deixe de saír ás rúas para defender os seus dereitos.

No caso da plataforma Queremos Galego hai que engadir as continúas limitacións impostas ben polo Concello de Santiago (negación de permisos para palco…), ben da mesma Delegación do Goberno obrigando ao cambio de percurso.

Como testemuñas presentes na manifestación que negan que se producise calquera incidente, xunto cos miles de persoas que reclamaron pacificamente os dereito a viviren na súa lingua na manifestación do 17 de maio, a plataforma cidadá presentou ao escritor Suso de Toro e a música maría Xosé Silvar “Ses”.

A plataforma cidadá Queremos Galego non se amedrentará por estas acusacións infundadas e continuará a demandar os dereitos lingüísticos que nos asisten como galegas e galegos.