Manifesto “En galego día a día”

En galego día a día
Mantemos o galego vivo día a día

Folleto completo: Díptico Manifesto 17 de Maio
Descarga tamén as imaxes: En galego día a día

Día a día para as nosas fillas e fillos malia a prohibición do galego nas materias da área científico-técnica, o tratamento como lingua extranxeira na educación infantil e a exclusión dos espazos de lecer infantís e xuvenís, incluída a televisión onde a presenza do galego para este público está restrinxida ao 4,6 a diario e ao 2,7 nas fins de semana.
Día a día nos medios de comunicación en galego que resisten, imprescindíbeis para a normalidade da lingua, a única oficial do Estado español que non conta cun xornal diario en papel, outra tarefa que o pobo galego realizará sen o apoio do seu goberno.
Día a día no audiovisual só pola implicación dos/as seus/súas profesionais e pola existencia dunha soa canle –pública– que emite en galego e dun público que ten limitado o acceso a produtos comercializados en galego incluso naqueles casos nos que existe dobraxe ou lexendado.
Día a día na xustiza aínda que só o 5% de xuíces e xuízas o empregan nas súas sentenzas e a inexistencia de recursos para o funcionariado poder traballar en galego con toda normalidade.
Día a día no ámbito socioeconómico pois no mellor dos casos a nosa lingua aparece subordinada, como se só un adorno e non unha necesidade e onde o Partido Popular negou a máis mínima igualdade de dereitos e obrigas na atención, información e sinalización.
Día a día na saúde onde as/os pacientes ven restrinxido ou prohibido o exercicio do dereito a se dirixiren na súa lingua ás/aos profesionais da saúde e a seren atendidos/as e entendidos/as nela. Mais sen o coñecemento da lingua da/o paciente non se pode ofrecer unha boa asistencia médica.
Día a día na administración pública onde se vulnera o dereito a sermos atendidos/as en galego. Aumentan as trabas para empregar o galego con normalidade e a Administración do Estado mantén espazos forzosos de exclusión.
Día a día na edición de libros en galego en descenso desde hai dez anos pola diminución de axudas da Xunta de Galiza.
Día a día nas rúas, na cultura, na toponimia, nos parques, no lecer, no deporte, no turismo, na onomástica, na música, nos servizos, no transporte, na literatura…
Queremos galego no día a día con toda normalidade e naturalidade, sen exclusións, coaccións, e limites para garantir o futuro de Galiza.A lingua galega e a sociedade que a mantén viva non pode ficar á intemperie exercendo as responsabilidades dun goberno absentista e agresivo contra o idioma que nos une.
 

 

MANIFESTO GAÑADOR CORRELINGUA 2018
RAPEA, QUE A LINGUA NON PARA!
Labregos da linguaxe (alumnado de 3º C do IES Antón Fraguas)

 

A LINGUA NON PARA
dende as vellas cantigas
onde as ondas do mar de Vigo,
as ondas do mar levado,
xa falaban como eu falo.
Dicía Francisco Añón
«Esperta, adorada Galicia»,
albiscando a alborada,
a alba para a nosa fala.
Os malditos prexuízos
son coma unha negra sombra,
que escurece a súa honra,
pero aínda así,
A LINGUA NON PARA!
Porque na nazón de Breogán,
que vas falar, castelán?
Ao longo da nosa historia
A LINGUA NON PARA!
Que por que falo galego?
Porque é a miña lingua,
porque tamén é a túa,
porque vivo na Galiza
e porque non me dá preguiza.
Porque o fala a miña xente,
iso sempre teno en mente.
E sobre todo porque quero,
por que non falar galego?
Cres, que es,
máis pailán
se non falas castelán?
Non es un paifoco,
por falares connosco.
Cres, que es,
máis rústico por ter
o galego como lingua
dime,
ti que queres ser?
Non pareces un boubexo
por falares o galego.
Cres que o era Castelao
por non falar castelán?
Ou érao Rosalía
por falar como quería?
Sexas de Santiago,
de Viveiro ou de Tui.
Veñas da Coruña,
de Lugo, de Marín,
de Ourense ou de Lalín.
Aínda que vivas na cidade
ou sexas do rural,
escoita: A LINGUA NON PARA!
Dirás,
que no instituto non o falas,
porque as matemáticas, dalas,
en castelán.
Ensinaríanche
a contar en inglés
mais non sabes de onde vés.
O galego é a túa lingua,
é que aínda non o ves?
Pois nas aulas, A LINGUA,
TAMPOUCO PARA!
Cres que es máis guai
por escribir en castelán
no teu estado de Whatsapp.
En vez de música galega
prefires o reggaeton:
por que razón?
Chega outro século escuro
cando apagas
a pantalla do móbil,
despois de chatear,
con Uxía, con Brais e con Xián,
pero só en castelán.
Na túa conta de Instagram,
no Twitter ou no Facebook,
A LINGUA NON PARA!
Aínda que che poñan trabas,
FÁLAA!
Queremos que che quede claro
que o galego hai que falalo.
Así que na escola,
na casa ou na rede,
recorda,
A LINGUA NON PARA!