A convocatoria terá lugar baixo o lema “en galego sen límites” co que a plataforma cidadá pretende pór en evidencia os obstáculos para vivir en galego e a necesidade de superalos colectivamente

 Marcos Maceira: “É hora de que a Xunta de Feixó corresponda a dignidade que o pobo mostra mantendo viva a súa lingua”

 “A exclusión sistemática do galego de tantos espazos é mostra do Apartheid lingüístico legalizado no que aínda vivimos”

 A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, anunciou hoxe a convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “en galego sen límites”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda.Queremos Galego

O anuncio foi realizado hoxe polo voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de membros da Xestora da plataforma cidadá, que sinalaron que ao longo dos próximos días e até a data da convocatoria desenvolverase diversos actos nas comarcas galegas para informaren da convocatoria. Na web www.queremosgalego.gal indicarase os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela a impulsar a plena normalización da lingua galega.

Co lema “en galego sen límites” a plataforma cidadá pretende pór en evidencia os innumerábeis obstáculos para vivirmos en galego con normalidade, e a exclusión sistemática do idioma da maioría dos espazos. Para o portavoz da plataforma, “esta exclusión mostra o Apartheid lingüístico legalizado no que aínda vive o pobo galego”.

Para o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “a sociedade galega é cada vez máis consciente de que a exclusión da súa lingua é a negación do seu dereito a existir con dignidade”. Para Maceira, “isto é o que explica o aumento da demanda de galego en todos os ámbitos”. Porén, sinalou, “esta demanda non só non é atendida senón que nos últimos anos sufrimos un importante retroceso acelerado por quen precisamente ten a obriga legal do contrario, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixó.

O representante de Queremos Galego indicou que as promesas incumpridas de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia, contidas no Estatuto e na Lei de normalización lingüística, xunto cos importantes retrocesos, son os que ademais provocaron unha reacción social a favor do galego cada vez máis ampla e máis estendida que se visualizará unida, máis unha vez, este 17 de maio. “Esta reacción colectiva é a que permitirá reverter o proceso de substitución lingüística” afirmou, e engadiu que “a garantía de futuro do galego está na forza e na dignidade do pobo galego. Esta forza e dignidade inmensa a de todas as galegas e galegos sen distinción é a que convocamos para este 17 de maio en Compostela. Entre todas e todos podemos mudar a situación e por iso será unha grande manifestación de unidade en torno ao noso idioma.

Fronte a esta resposta de dignidade colectiva, Maceira denunciou que o goberno de Feixó “non só non actúa senín que camiña na dirección contraria: sabedores da enorme contestación social e a reacción unánime en todos os ámbitos,  dentro e fóra das nosas fronteiras , que tivo e ten o decreto de plurilingüísmo, nunha nova mostra de desprezo ao seu cargo e de servilismo ao goberno central, aínda o manteñen a sabendas de que mesturado coa LOMCE nin tan sequera permite que o galego chegue aos límites máximos nos que reclúe o galego”. “En vez de avanzarmos cara un ensino co galego como lingua vehicular, avanzamos cara ao afogamento no castelán omnipresente, como  se ve nos datos de exclusión do galego no ensino infantil”.

Para Queremos Galego a situación no ensino é indicativa do que tamén acontece noutros moitos ámbitos como a administración, o económico ou o laboral. Os problemas na administración son crecentes grazas, en parte, á chamada Lei de transparencia que obriga a que administracións que como os concellos deran importantes pasos cara á normalización,  teñan que publicar  toda a documentación en castelán. Curiosamente, indicou Maceira, “moitos dos defensores no Estado de que só hai transparencia coa eliminación da lingua propia, están hoxe na cadea ou camiño dela”. O presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego insistiu en que “ademais ese é tamén o PP que decretou que o galego non pode existir e comezou a campaña de odio á nosa lingua que executou Feixó”. “Son os sectores que odian todo aquilo que non senten non bandullo”, acrecentou, lembrando o coñecido deseño de Castelao.

“Por iso lle pedimos ao señor Feixó que mostre por fin a dignidade que debería de ter o seu cargo e corresponda a dignidade coa que o pobo galego mantén viva a súa lingua malia ser todo en contra, mesmo un goberno como o da Xunta que prometeu cumprir a obriga de promover o uso do galego. Coa actitude contraria ao galego mostran estar tamén en contra da súa propia existencia como goberno”.

Tamén se referiu Maceira a situacións como as que limitan o uso do galeo no ámbito socieconómico mesmo favorecendo situacións de deslocalización e despedimentos como os que denuncian as e os traballadores dos centros de chamadas, que melloraría a súa situación só con que a opción de galego estivese sempre presente. Neste sector a única resposta que se está a ver en 36 anos de autonomía é a das propias organizacións sociais que impulsan iniciativas como a ILP para o recoñecemento dos dereitos lingüísticos no ámbito socieconómico.

#EnGalegoSenLimites