O concello de Santiago non resposta á solicitude de electricidade e megafonía de Queremos Galego.

A plataforma nin sequera sabe se lle permitirán pór xerador propio e megafonía

Malia o boicote municipal plataforma mantén os actos do 17 de maio como estaban previstos baixo o lema Galego, case garantía de futuro

Marcos Maceira: “Dá vergoña allea que ao alcalde da capital de Galiza lle doa tanto que a xente se exprese a favor do seu idioma”

“Non nos van facer calar. Falaremos o 17, e farémolo, como sempre, en galego”

 

Santiago 14 de maio de 2015-. Como é habitual en todas as manifestacións, a plataforma cidadá Queremos Galego dirixiu un escrito ao Concello de Santiago solicitando permiso para conectarse á instalación eléctrica municipal, ou no seu caso instalar un propio, así como para situar un equipo de megafonía, tamén propio, na Praza das Pratarías que será, desde as 12 do mediodía, o ponto de saída dos actos que a plataforma ten previstos na comarca compostelá para o 17 de maio.

Desde a chegada do Partido Popular á alcaldía de Santiago, o habitual é a denegación da conexión eléctrica e a posterior autorización polos xulgados.

Desta volta o concello de Santiago engade unha novidade: a calada como resposta, malia da plataforma se teren dirixido o mércores 13 telefonicamente e por fax ao concello para saberen da autorización ou denegación deste permiso solicitado o 4 de maio.

Sen este permiso confirmado, poderíase dar o caso de Queremos Galego situar xerador propio e a equipa de megafonía sen permiso municipal, cos correspondentes impedimentos no propio momento ou con multas posteriores, o que é un claro boicote tanto á convocatoria como á posibilidade de recurso.

Segundo indicou o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, “isto é unha volta máis na tradición inaugurada por Conde Roa, continuada por Angel Currás e renovada polo novo alcalde Agustín Hernández, de denegar calquera acto que se opoña á política agresiva do Partido Popular contra o noso idioma, mais agora coa artimaña do novo alcalde”, e lembrou que “ademais se produce na véspera dunha das principais festas da cidade como é a Ascensión, o que impede coñecer con suficiente antelación a existencia ou non do permiso”. Para Maceira “dá vergoña que ao alcalde da capital de Galiza lle doa tanto que a xente se exprese a favor do seu idioma, o principal sinal de identidade do país e de Santiago como capital”.

Maceira lembrou tamén como esta actitude estreada con Queremos Galego, repercutiu negativamente noutros colectivos sindicais, culturais e sociais de Compostela.

A plataforma cidadá anuncia que non permitirá que funcione a nova estratexia do novo alcalde Agustín Hernández, e que continuará co desenvolvemento normal dos actos previstos. “Con ou sen megafonía a voz a favor do galego escoitarase nas Pratarías. Non nos van facer calar”.

Queremos Galego convoca actos o 17 de maio de maio, Día das letras galegas, co lema Galego, garantía de futuro ás 12 da mañá.

Estes actos terán lugar na Coruña diante do Teatro Rosalía, en Ferrol na Praza do Cruceiro (Canido), en Lugo na Praza Anxo Fernández, en Ourense na Praza da Imprenta, en Pontevedra na Praza da Peregrina, en Ribadeo nas Catro Rúas, en Santiago na Praza das Pratarías e en Vigo no cruce entre a Rúa Urzaiz e Vía Norte.

Cartaz_A3_ManiQG_A3