A plataforma denuncia o interese do goberno en criminalizar  as mobilizacións cidadás, nomeadamente as de defensa da lingua.

QG-4A Coruña 3 de marzo de 2014. A plataforma cidadá continuou hoxe coa vía das alegacións á sanción gobernativa imposta pola subdelegación do goberno na Coruña tras a celebración en Santiago da manifestación do Día das Letras Galegas o pasado 17 de maio. As alegacións foron entregadas hoxe dirixidas ao Ministro do Interior.

A plataforma cidadá lembrou que, tal como sinalaron todos os medios de comunicación e observaron as ducias de miles persoas presentes, esta manifestación tivo lugar dentro da normalidade, nun ambiente festivo e reivindicativo e sen ningún incidente.

Queremos Galego fixo entrega de fotografías publicadas polos diferentes  xornais galegos do día seguinte que contradin a versión da Delegación do goberno sobre a invisibilidade do Servizo de Orde, composto por voluntarias e voluntarios das máis de 600 entidades que conforman a plataforma cidadá. O amplo número de persoas integrantes deste servizo da organización identificado cun chaleque reflectante é perfectamente visíbel na práctica totalidade das fotografías.

Segundo sinalou Marcos Maceira, membro da Comisión Xestora de Queremos Galego, “a insistencia do Goberno Español en continuar co procedemento de sanción só se explica como vía de limitar a protesta e a mobilización cidadá a través da súa criminalización. Para isto non se dubida en facer un uso partidista das institucións, incluída a policía”, xa que, segundo lembrou, “a multa imposta culmina unha serie de accións como a tentativa por parte do Concello de Santiago de impedir a colocación dun palco e de megafonía (finalmente impedida polos tribunais), ou a mudanza do percorrido habitual por parte da mesma Delegación do Goberno”.